As corridas de touros seguen instaladas na sociedade malia as protestas cada vez máis presentes dos grupos animalistas. En Galiza retrocederon nos últimos anos e de contar con nove espectáculos taurinos en 2014 pasaronse a sete en 2015 e catro en 2016. Aínda así a retransmisión deste tipo de actividades violentas e o seu seguimento como “actos culturais” por parte de determinados medios de comunicación cuestiona a súa total desaparición.
O director coruñés Iago Prada, activista en moitas causas e tamén nesta, pensou por primeira vez en documentar como é unha corrida de touros cando escoitou en 2015 a denuncia dun técnico de son, José Sepúlveda, sobre como eran por dentro estes espectáculos. “Nunca estivera nunha Praza de Touros e aquelo decidiume”, explica a Nós Televisión.
A película
Bullfight é unha película documental rodada cun equipo formado por sete cámaras de cine e dez micrófonos ultra direccionais que gravan unha corrida íntegra. As imaxes mostran con toda a crudeza e detalles os castigos aos que se lle somete aos animais. “Non hai opinións, nin músicas bonitas que guien as emocións”. O resultado busca mostrar a crueldade tal e como é.
Unha praza máis
Prada non quixo dar o nome da praza de touros onde se rodou o documental. “É unha praza de terceira, como a maioría que aínda funcionan en España”. Recoñece que non tivo problemas cando gravou “aínda que os espectadores preguntaban porque nunca viran tantas cámaras dese tamaño no recinto”. En too caso pensa que no mundo taurino recoñecerán cal é.
Repercusión
A idea de Iago Prada é que se alimente o debate sobre a continuidade das corridas de Touros. En Galiza os votos do PP coa súa maioría absoluta chegaron, malia a oposición de EnMarea, PSdeG e BNG, para aprobar o ano pasado unha Lei de Benestar dos Animais de Compañía que deixaba fóra o maltrato aos touros.
O documental estrearase este mesmo mes e xa ten confirmados pases en cidades de Alemaña, Bélxica e República Checa. “En Europa vai sorprender moito”, conta o director, “hai xente que nos pregunta se hai unha corrida ao ano e cando lles dicimos que hai máis de 350 non o cren”. Para velo no noso país haberá que agardar algo máis. “Por agora temos conversas coa Coruña e Ponteareas, gustaríame que a estrea no Estado español fose aquí”.
https://www.youtube.com/watch?v=_9YRuFbv4rI
Con respecto á repercusión Iago Prada pensa que será alta. “Co pase do documental vai unha exposición de fotografías e unha mostra das armas que se empregan nas corridas”, sinala, “xa me chamaron para participar en debates e nalgúns lugares coincidirá con concentracións de protesta”.