Dúas décadas despois, o Concello de Santiago saca adiante un novo Plan de Prevención das Drogodependencias, xa que o anterior databa de 1999. Este proxecto é consecuencia da “colaboración” entre o consistorio, a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes —UMAD—, a Federación de ANPAS e a Universidade.
O plan, aprobado por unanimidade no Consello Municipal de Saúde, inclúe máis dunha ducia de programas de actuación, prevención e concienciación social. Unha das novidades será o xeito no que as e os profesionais se acheguen á mocidade para levar a cabo estes programas. Así e todo, as familias cobrarán un papel protagonista a través do programa “Máis que un teito”, unha terapia en grupo para axudar á conciliación familiar.
O proxecto ratificarase no Pleno
Segundo as previsións iniciais do Goberno local, este proxecto podería levarse a Pleno para a súa ratificación o vindeiro mes de setembro. Durante este tempo, realizaranse diferentes campañas de difusión e concienciación orientadas, fundamentalmente, á mocidade.