O futuro da plantilla da Escola Municipal de Música fica no aire. A empresa gañadora do concurso público para prestar o servizo non semella disposta a manter ao actual profesorado, unha situación que denunciaron este mércores o grupo socialista e o BNG, alegando que o alcalde “debe resolver a situación”.
O voceiro do BNG, Rubén Cela, recoñece que o Concello non pode obrigar á concesionaria a subrogar o actual persoal, mais si podería facelo a través do convenio colectivo coa plantilla e a empresa. Para Cela, isto é unha cuestión de “deixadez” e “mala xestión” do Goberno municipal.
Pola súa banda, Noriega acusou á oposición de facer “críticas interesadas” e asegurou que comprende a “preocupación lóxica” das e dos traballadores, polo que tentará garantir a “estabilidade” da Escola.
Segundo indicou o alcalde, a mesa de contratación “aínda non está pechada”, polo que non é oficial o nomeamento da empresa elixida e poderían mudar as condicións do prego a prol do profesorado.