Durante o ano 2017, Compostela rexistrou preto dun millón e medio de pernoctacións, unha cifra histórica xamais acadada que reflicte a boa imaxe que proxecta a cidade no estranxeiro. Porén, os datos agochan unha perigosa tendencia: máis de medio millón das pernoctacións foron en vivendas de uso turístico. Estes aloxamentos son ofertados en portais coma Airbnb ou Tripadvisor, e xeran na cidade un impacto directo de 8’5 millóns de euros sen fiscalizar. Deste xeito, asegura a concelleira de Turismo, Marta Lois, “foméntase unha competencia desleal” dentro da oferta turística compostelá.
Resulta máis rendible alugar as vivendas a turistas que á poboación local
O prezo medio dunha noite nunha destas vivendas turísticas é de 70 euros en apartamentos dun dormitorio, polo que resulta máis rendible para as e os propietarios alugar a turistas que á poboación local. En consecuencia, o Concello porá en marcha nos vindeiros meses un plan de control para regular o funcionamento destas vivendas e garantir que non se incumpra a normativa vixente, para o que se realizarán inspeccións e se sancionarán as infraccións detectadas.
Concentración de vivendas turísticas na cidade histórica
Segundo o estudo efectuado polo Goberno municipal, estes aloxamentos ubícanse principalmente na cidade histórica, onde unha de cada dúas vivendas son destinadas ao uso turístico. Un dos principais propósitos marcados dende Raxoi é limitar o turismo na zona vella de Compostela e volver convertela nun lugar atractivo e habitable para a cidadanía.