O goberno municipal do Concello de Verín lanza unha mensaxe de defensa da sanidade pública que “non só é un dereito fundamental, senón un dos piares básicos do noso estado de Benestar, porque sen saúde non se poden exercer todos os demais privilexios da cidadanía”. Con esta premisa por diante, o Concello de Verín condena o peche do paritorio do Hospital do municipio e das urxencias pediátricas a partir do 1 de decemebro, un anuncio que realizaba a Xerencia do EOXI apenas dous días antes do 25N.
Nun comunicado, o goberno local sostén que o peche do paritorio é “unha decisión política que condena ás mulleres do noso Concello a non ter unha calidade asistencial de proximidade”. Ademais, esíxenlle á Xunta de Galicia “unha mellora nos servizos sanitarios” no municipio “pedindo a supresión dos recortes efectuados e defendendo novas melloras na nosa área sanitaria”. Por último, lanza o seu apoio á Manifestación en defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei convocada para o sábado 30 de novembro ás 17.00 horas en Verín.