Continúa a lea pola titularidade das estatuas de Isaac e Abraham, dúas obras do Mestre Mateo. Esta fin de semana, a familia Franco emitiu un comunicado no que cualificaba de “patraña” a argumentación ofrecida polo Concello de Santiago, ao tempo que aseguraba que as esculturas foran adquiridas a un particular a través dun anticuario. Segundo o punto de vista dos Franco e Martínez-Bordiú, as estatuas nunca terían pertencido á corporación municipal, unha visión pouco sostíbel valorando a documentación exposta.
Os Franco coñecen a realidade
Pola súa banda, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, lamenta as “escusas” dos herdeiros do ditador, cuxa versión “non se axusta á realidade”. Sobre esta cuestión manifestouse tamén a concelleira do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, quen apunta que os Franco “coñecen” a realidade do asunto. Para Sanmartín, este é un caso de “espolio consentido e con mala fe” por parte dos descendentes do ditador.
Xuízo
Sexa como for, a vista preliminar para que as estatuas volvan a dominio público celebrarase o vindeiro 15 de outubro. O Concello de Santiago confía en que este xuízo sente un “precedente” que permita a recuperación de tódolos bens espoliados durante o franquismo.