O Concello de Santiago reclama “xustiza” para a vítima da ‘Manada’

As concelleiras de Compostela Aberta, PP, PSdeG e BNG presentan un manifesto instando á Xustiza a actuar con "perspectiva de xénero"

A polémica sentenza aos cinco membros da ‘Manada’ provocou estes días unha oposición practicamente unánime na sociedade. Este luns, o Concello de Santiago quixo sumarse a este “clamor social” e solidarizouse coa vítima a través da lectura dun manifesto asinado polas concelleiras dos catro grupos políticos.

- Publicidade -

Atopámonos ante unha Xustiza patriarcal

Marta Lois, titular de Igualdade, cre que este caso foi unha “oportunidade perdida” para a Xustiza. O manifesto dirixe as súas críticas cara a un sistema xudicial que o consistorio cualifica de “patriarcal”, como apuntou Goretti Sanmartín, do BNG. Pola súa banda, a edil socialista Milagros Castro amosou a súa “indignación” pola negativa dos xuíces encargados deste caso a considerar o acto unha “violación”. A concelleira do PP María José Castro, graduada en Dereito, asegura “acatar” calquera sentenza, mais non agocha que o ditame da ‘Manada’ produciulle “asco” e “impotencia” ante unha “Xustiza cega”.

https://www.youtube.com/watch?v=xiFH8fZJvv8&feature=youtu.be

Difusión desta declaración institucional

A través deste manifesto, o Concello fai un chamamento a tódolos axentes do sistema xudicial a ofrecer “formación” aos xuíces e xuízas e actuar dende unha “perspectiva de xénero”. Esta declaración institucional será remitida á Audiencia Provincial de Navarra, o Ministerio de Xustiza, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Congreso e o Senado, coa fin de instar a estes organismos a “modificar” o Código Penal.

Manifesto do Concello de Santiago

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego