A Xunta de Goberno do Concello de Compostela aprobou as bases de dúas convocatoria de subvencións para o fomento das actividades culturais durante o ano 2020: unha destinada a asociacións culturais e outra ao sector profesional.
En canto ás axudas destinadas a asociacións culturais, van dirixidas á promoción de procesos e actividades culturais e artísticas de amplo espectro orientadas a todo tipo de públicos e idades relacionadas coas música, teatro, exposicións, cine, fotografía, conferencias, performances ou, en xeral, calquera acción cultural ou artística. Destínase a esta convocatoria un importe global de 50.000 euros.
A segunda das convocatorias ten por obxecto o fomento das actividades culturais organizadas por persoas e entidades dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas do concello durante o ano 2020. Neste caso, destínase un importe global de 100.000 euros a unhas axudas que poden alcanzar ata un 80% do gasto, cunha contía máxima de 15.000 euros por solicitante.
En ambas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña. O prazo de xustificación das actividades subvencionadas será do 1 ao 30 de outubro de 2020.