O concello da Coruña está tratando de reformular o proxecto cultural ata o de agora xestionado pola empresa Naturgy, segundo indica José Manuel Sande, concelleiro de Cultura, deporte e coñecemento, e que cualifica o peche do espazo como unha “derrota cultural” da cidade. Na súa reconversión, a nova marca enerxética Naturgy, anteriormente Gas Natural Fenosa, está a desfacerse de moitos dos seus activos culturais, e así, a finais do pasado ano anunciou o peche definitivo do museo situado na Avenida de Arteixo.
Coñecida a noticia, a concellaría de Cultura tomou a iniciativa nunha rolda de contactos con diferentes institucións públicas e privadas na tentativa de involucralas no obxectivo de manter vivo o MAC, un museo de arte único no noso país e que deixaría á cidade orfa dun centro de referencia.