Home Programas Área Compostela O Concello acorda liquidar o contrato da concesionaria da ORA

O Concello acorda liquidar o contrato da concesionaria da ORA

0
O Concello acorda liquidar o contrato da concesionaria da ORA

Novo paso no proceso de remunicipalización da ORA e o guindastre. A Xunta de Goberno local acordou este venres iniciar o procedemento de liquidación do contrato coa concesionaria Setex Aparki, un documento declarado nulo xa no ano 2015 pero que non foi derogado até agora, debido ao cambio de titularidade na xestión aprobado no pasado Pleno.

Setex enténdese compensada polos ingresos que percibiu das persoas usuarias durante a prestación dos servizos da ORA e o guindastre

En consecuencia, a empresa deberá aboar ao Concello arredor de 630.000 euros en concepto de indemnización por “danos e perdas” polo cánon fixo que tiña por contrato, sendo descontada a contía que xa pagou polo cánon fixo no período de decembro de 2014 a febreiro de 2016. Porén, o Goberno compostelán terá que devolver a Setex máis de 300.000 euros, por mor dunha sentenza ditada en 2016 a favor da empresa concesionaria.

Críticas do BNG

É un erro político inadmisíbel

Malia apoiar a municipalización dos servizos, o BNG segue a amosar certa reticencia á xestión de Compostela Aberta neste senso. A empresa concesionaria, Setex Aparki, non ingresou o cánon variábel que supuña o 80% dos seus beneficios, ao alegar que non os tivo. Rubén Cela, voceiro do grupo municipal do Bloque, considera un erro “inadmisíbel” que o Goberno non reclame este pago. Segundo a formación nacionalista, o Concello tería deixado de ingresar preto de 300.000 euros anuais dende 2015.

Asemade, Cela critica que a Administración local deba pagar durante un “tempo indefinido” un aluguer pola actual parcela do guindastre municipal, así como polo mobiliario preciso para prestar o servizo, un asunto que contradi a versión do concelleiro Xan Duro. Polo de agora, o Concello non esixirá á concesionaria o pago do devandito cánon variábel ao considerar que “o xuíz dictaminou que o contrato non deixaba claros os termos” dese cánon. Asemade, Duro aclarou que Setex terá un prazo de dez días hábiles para presentar as alegacións que considere oportunas.