Home Programas Espazo Aberto O Colexio de Psicoloxía de Galicia pon o foco no tratamento dos agresores sexuais xuvenís

O Colexio de Psicoloxía de Galicia pon o foco no tratamento dos agresores sexuais xuvenís

0
O Colexio de Psicoloxía de Galicia pon o foco no tratamento dos agresores sexuais xuvenís

Unha trintena de psicólogos e psicólogas participarán este sábado nun obradoiro sobre o perfil e o tratamento de agresores sexuais xuvenís. Trátase dunha xornada organizada polo Colexio de Psicoloxía de Galicia logo de constatar que os delitos de violencia sexual cometidos por menores estanse a incrementar no conxunto do Estado, segundo reflicten as estatísticas. En concreto, en Galicia, os últimos datos feitos públicos pola Fiscalía Superior de Galicia, indican un incremento interanual dun 32,7% dos delitos contra a liberdade sexual e dun 100% dos de violencia de xénero cometidos por menores.

A docente da xornada, que terá lugar todo o sábado na sede do Colexio en Compostela, será a psicóloga catalana María Martínez García. A profesional é unha das redactoras do Programa de Tratamento Educativo e Terapéutico de Agresores Sexuais Xuvenís editado pola Axencia para a Reeducación e Reinserción de Menores Infractores da Comunidade de Madrid, un texto de referencia para o traballo con menores que cometen delitos desta índole.