Home Programas Espazo Aberto O Colexio de Psicoloxía de Galicia denuncia o número de feminicidios excluídos das estatísticas

O Colexio de Psicoloxía de Galicia denuncia o número de feminicidios excluídos das estatísticas

0
O Colexio de Psicoloxía de Galicia denuncia o número de feminicidios excluídos das estatísticas

O Colexio de Psicoloxía de Galicia lanzou este xoves un comunicado no que cualifica a cifra de feminicidios, que sobe ata as mil mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas nos últimos dezaseis anos no Estado, como “unha barreira psicolóxica que nos devolve a cara máis violenta da violencia contra a muller, nun verán no que continúa sen deterse este cruento rexistro, lamentablemente”.

O Colexio denuncia os crimes machistas que quedan fóra das estatísticas “asasinatos nos que non había unha relación sentimental, mulleres en situación de prostitución executadas tanto por proxenetas como por clientes, por poñer algúns exemplos. Nas marxes quedan todas aquelas outras vidas que foron tamén cortadas pola violencia machista de forma directa ou indirecta”.

Como conclúe o primeiro informe nacional sobre o homicidio en España publicado polo Ministerio do Interior, arredor do 20% dos homicidios que se comenten neste país son por violencia de xénero. Segundo o mesmo informe, na metade dos casos das mulleres asasinadas, o homicida é a súa parella ou exparella. “Nun país notablemente seguro, este debe ser un motivo de reflexión para toda a sociedade”, destacan nun comunicado.

Estamos percorrendo un camiño no que aprendemos a mellorar as nosas respostas. Neste sentido, o colectivo de psicólogas e psicólogos chama á necesidade de mellorar a atención ás vítimas das violencias machistas e desenvolver recursos que as permitan saír definivamente da situación de maltrato. “Entre estes recursos a intervención psicolóxica é unha necesidade básica e fundamental, que precisa ser garantida desde as administracións públicas“. Subliñan, ademais, á importancia da prevención e educación. “Non podemos permitirnos chegar tarde ás xeracións que veñen, nin pensar que a igualdade é unha conquista consumada, porque os dereitos adquiridos son susceptibles de perderse de novo e iso obríganos a traballar con especial dedicación nun tema tan importante como o é a igualdade”.