Un mozo, de 25 anos, foi acoitelado esta madrugada na cidade da Coruña. Segundo trascendeu, tratouse dunha agresión homofóbica pola que o mozo permanece hospitalizado. Ante esta agresión, colectivos LGBT denunciaron as violencias ás que se ven sometidas e sometidos habitualmente polas súas orientacións e identidades sexuais diversas ás marcadas polo sistema heteropatriarcal.
O colectivo Avante LGBT emitíu un comunicado denunciando que “mentres que a sociedade camiña pouco a pouco cara a normalización e inclusión do colectivo LGBT segue a haber grandes dificultades en moitos eidos. A día de hoxe os espazos de ocio nocturno seguen a excluír ás persoas do noso colectivo que, saíndo dos escasos espazos seguros que conseguimos construír, vemos que en calquera momento podemos ser vítimas dunha agresión. Nos espazos de ocio cisheterosexuais vémonos obrigadas a disimular a nosa pluma, a non ir da man coa nosa parella, a mirar ao chan, todo para evitar que nos aconteza o que sufriu un mozo esta noite, ou as miles de agresións que ocorren todas as noites e que non chegan a aparecer nos xornais. Por isto debemos seguir loitando, por isto debemos saír á rúa nas mobilizacións que hai convocadas en todo o país con motivo do 28 de xuño a berrar que xa chegou, que os nosos dereitos deben ser respectados e non toleraremos máis discriminación e violencia“.