Dicía Castelao que “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Baixo esta mesma premisa, A Mesa pola Normalización Lingüística impulsa o manifesto O Cinema heroico galego, un chamado á aposta polo audiovisual producido en lingua galega. O obxectivo principal desta iniciativa é “permitir” ás e os profesionais do cinema do país “traballar na súa lingua propia” e poder “vivir dela”.
Un manifesto a prol do cinema producido en lingua galega
A mensaxe é clara: o idioma non é unha barreira, senón unha porta cara ao exterior que permite a Galicia tecer vencellos cos demais países lusófonos. O director Ignacio Vilar, pola súa banda, fixo fincapé na necesidade de dar pulo ao cinema en galego dende as administracións.
Este manifesto, que se pode asinar na ligazón manifestocinemagalego.gal, conta xa co apoio dos principais diarios dixitais en galego e de personalidades do eido cultural coma Pilar García Negro, Marilar Aleixandre ou Manuel Rivas.