O concello de Ferrol deu a coñecer as cifras de intervención do seu Centro de Información a Muller (CIM) ao longo do 2017. O resultado, como explicou en rolda de prensa a concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade e Mocidade, Saínza Ruiz, incide no grave problema da violencia de xénero.
Na memoria deste servizo figuran 605 consultas totais, con 123 de asesoramento xurídico, 326 de atención psicolóxica, 133 a atención das vítimas de Violencia de Xénero, 2 en orientación ao emprego, 2 de información sobre cursos, xornadas e actividades, 14 sobre información de recursos e 5 no apartado de outras informacións.
Muller solteira e sen traballo
O perfil maioritario das usuarias o ano pasado era de idades comprendidas entre os 25 e os 54 anos, solteiras, coa Educación Primaria e sen traballo. A concelleira alertou de que mesmo tiveron 4 consultas por parte de rapazas menores de 15 anos e outras 30 de 15 a 24 anos, “un número moi avultado para unha franxa de idade tan temperá”, apuntaba Saínza Ruíz.
O CIM de Ferrol proporciona atención psicolóxica, asesoramento xurídico e información en materia de recursos as mulleres que actúa en coordinación con outras áreas do Concello como Benestar Social ou Emprego así como o Padroado Concepción Arenal.