O Concello de Santiago mantén a súa forte aposta pola música ao vivo de cara ás Festas do Apóstolo. En consecuencia, este ano volverase celebrar o ciclo Compostela É! Música na praza do Toural. Haberá oito actuacións que se celebrarán entre o 20 e o 30 de xullo. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, insistiu en que este será o Apóstolo “das mulleres, dos emigrantes e da música compostelá”.
Polo escenario do Toural pasarán artistas coma Liridade Noctámbula, Mojo Experience, The Show Bass ou Jamila Purofilin. Precisamente a cantante cubana, que actuará o día 26, participou este luns na rolda de prensa de presentación desta iniciativa e agradeceu o convite do Concello, salientando a súa boa relación persoal coa cidade.
Bus nocturno
Por outra banda, a concelleira de Acción Cultural lembrou que, entre o 21 e o 31 de xullo, haberá un servizo especial de autobuses nocturnos, co obxectivo de “achegar as festas a toda a cidadanía”, incluíndo ás e os residentes das parroquias do rural. Esta proposta, que se estreou a xeito de “piloto” na Ascensión, foi derivada dos orzamentos participativos e se financiará cunha contía de 50.000 euros.