O caso ‘Escárnio e Maldizer’ avanza nos xulgados de Compostela cunha única persoa imputada

Tres anos despois do desaloxo do CSOA Escárnio e Maldizer, o procedemento xudicial avanza cunha soa persoa procesada

Ducias de persoas investigadas, dez imputadas con delitos de gravidade… Todo apuntaba a que a investigación xudicial das protestas polo desaloxo do Centro Social Ocupado Autoxestionado Escárnio e Maldizer ía derivar nunha macro-causa pero, finalmente, todo quedou nunha soa imputación. A única persoa procesada é xustamente a única persoa que denunciou dous policías polos delitos de omisión de socorro e vexacións sufridos durante a súa detención.

Esa é a parte correspondente á causa xudicial no marco das protestas polo desaloxo do Escárnio e Maldizer. Pero, cal é o contexto? A especulación inmobiliaria na zona vella de Compostela propiciou que edificios como a Sala Iago ou a biblioteca Caja Madrid quedaran baleiros durante anos. Tamén era o caso deste inmoble.