A 13ª edición do Premio de Novela Europea ‘Casino de Santiago’ xa coñece ao seu gañador. Trátase do escritor británico Jonathan Coe, autor de Expo 58, unha inxeniosa comedia que aporta unha ollada reflexiva sobre as identidades europea e inglesa. Esta novela logrou unha vitoria folgada, acadando o 50’5% dos votos totais.
Manuel Rivas, finalista do certame
Cómpre salientar que a segunda posición foi para O último día de Terranova, do coruñés Manuel Rivas, cun 16% dos sufraxios. Ségueno John Banville, con A guitarra azul; Clara Usón, con Valor; e Juan Gómez-Jurado, con Cicatriz. Este certame logra en cada edición unha maior proxección e relevancia a nivel internacional. Deste xeito, permite á literatura galega gañar un maior peso de cara ao público europeo. “É unha forma de visibilizar as nosas letras”, apuntou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A elección da obra gañadora foi unha tarefa compartida por distintos sectores da sociedade compostelá. Un 30% dos votos correspondeu a residentes na cidade, un 20% ás socias e socios do Casino e o 50% restante ao xurado presidido por Maribel Martín. O fallo deuse a coñecer este luns no Café Casino da capital galega.