Os Orzamento Xerais do Estado non inclúen unha partida para efectuar as obras de “humanización e seguranza viaria” que o Ministerio de Fomento prometera para o barrio de Conxo, primeiro na figura de Ana Pastor e posteriormente na de Íñigo de la Serna. Este asunto evidencia, segundo expresaron durante estes días Compostela Aberta, PSdeG e BNG, que a cidade “non existe” para o Goberno de Mariano Rajoy.
Cela lembra que tanto Ana Pastor como Íñigo de la Serna se comprometeran coa obra
Rubén Cela, voceiro municipal da formación nacionalista, vai máis alá e anuncia que levará ao vindeiro Pleno unha moción para que a corporación amose “forza” e “unidade” para reclamar a Fomento a construción da rotonda de Conxo “de xeito unánime”, confiando en que os catro grupos —incluído o PP— voten a favor da proposta.
“É preciso alongar o carril de incorporación e mellorar a dirección Santiago e psiquiátrico de Conxo, pois teñen un ‘ceda ao paso’ e un ‘STOP’ que fan perigosos os accesos”, expuso Cela. Así e todo, o concelleiro do Bloque acusa a Rajoy de “ignorar” a Compostela e a Martiño Noriega de “non negociar ben” este proxecto.