
O voceiro do BNG, Rubén Cela, explicou en rolda de prensa que a cuberta da piscina do Sar, construída no ano 96, amosa tres problemas: a deficiencia enerxética, a suciedade que se acumula entre as placas e que en ocasións non se chegan a acadar as temperaturas mínimas esixidas. A maiores, indicou que existe un problema estrutural, xa que a oferta de piscinas públicas en Santiago é moi pequena con respecto á poboación.
As instalacións Multiusos Fontes do Sar son titularidade do Consorcio, cedidas ao Concello e que, á súa vez, ten a explotación do servizo a través dunha empresa mixta XADE. Rubén Cela indicou en rolda de prensa o seu descontento ante a falta de instalacións para a práctica da natación. Por isto, sinalou este investimento como un dos prioritarios da cidade, indicando que a cifra á que ascendería sería medio millón de euros.
O edil indicou o compromiso do BNG por ser proactivo nas propostas que se lle trasladen ao Goberno en materia de negociación de orzamentos. Por este motivo, mencionou tamén a necesidade de acondicionar o campo de tiro de Bando, onde existe un proxecto para facer un circuíto de atletismo e cross e de bicicleta de montaña. Mais este investimento, en palabras súas, debe ser abordado nun plan de infraestruturas deportivas global.