O Palacio da Moncloa ten xa un novo inquilino e dende o BNG confían en que este troco na cadea de mando supoña unha “alternativa” no trato entre o Estado e Galiza. Para lograr este obxectivo, a formación nacionalista propón a creación da ‘Axenda Galega 2020’, unha batería de iniciativas para “dar voz” ás demandas das e dos galegos.
Galiza non pode perder o tren das nacións
Unha das cuestións que máis preocupa á voceira do Bloque, Ana Pontón, é que o país perda o “tren das nacións” dentro do Estado. A líder do partido lembra que, durante o debate da moción de censura, as forzas da esquerda falaron da necesidade de atopar un “novo encaixe” a Euskadi e Catalunya, ficando Galiza no esquecemento. Pontón insta ao novo presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, a amosar un maior “compromiso” coa cidadanía galega do que houbo na anterior lexislatura, na que o país padeceu un “trato discriminatorio” dende o Estado.