O BNG prepara unha “ofensiva parlamentaria” para retratar a Feijóo coa Gürtel

Pontón propón un "Pleno monográfico" no que o presidente da Xunta "dea explicacións" e o Parlamento "inste a Rajoy a dimitir". En Marea apoia a proposta e o PSdeG non a descarta

Os estreitos vencellos que a Gürtel mantén coa política galega sitúan o entramado no eixo da axenda mediática do país. A voceira do BNG, Ana Pontón, considera que este caso “naceu en Galiza”, polo que a súa formación está a artellar unha batería de iniciativas para “depurar responsabilidades”. O Bloque pedirá ao Consello de Contas que investigue 2.500 contratos da Xunta presuntamente vencellados á Gürtel e, asemade, insta á celebración dun Pleno extraordinario destinado a que Núñez Feijóo “dea explicacións” e o Parlamento se “posicione” a respecto da continuidade de Rajoy.

- Publicidade -

O Bloque marca a axenda

Esta iniciativa conta co beneplácito de En Marea, que a considera unha grande oportunidade para que a cabeza visíbel da Xunta decida se quere “explicar” o acontecido ou “prolongar o silencio”. Pola súa banda, o PsdeG apoia a petición dunha comparecencia de Feijóo na Cámara, e non descarta a convocatoria do “Pleno monográfico” proposto polo BNG.

Férrea defensa de Feijóo

Con todo, o grupo popular desmárcase das iniciativas da oposición e exerce unha férrea defensa do presidente galego e o do Goberno central, ante unha moción de censura que considera “sen alternativa nin programa para gobernar”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego