Rubén Cela, Portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago, amosou a súa preocupación pola situación contractual de diversos servizos municipais externalizados. O voceiro do Bloque referiuse á xestión dos contratos dos Centros Socio-Culturais e das pistas de pádel mais tamén volveu a referirse aos servizos da ORA e do Guindastre. En relación á remunicipalización do servizo ORA, ao que o BNG amosou o seu posicionamento favorable, Cela solicitou información sobre os motivos do novo retraso.
Martiño Noriega: “Non se agardaba que a tramitación por parte de TUSSA fora tan lenta”
Nunha rolda de prensa posterior o Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, resaltou que o proceso de remunicipalización dos servizos municipais da ORA e do guindastre está condicionado por informes e trámites legais.
O Goberno Municipal informou esta mesma mañá da prórroga do contrato coa empresa concesionaria deste servizo durante tres meses máis ou “nun prazo inferior no caso de que se acade o acordo sobre a xestión”.