O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas reclamou no Parlamento Galego, a través dunha proposición non de lei, a elaboración dun ‘Plan de xestión do xabaril’ que inclúa actuacións técnicas programadas, perspectiva ecoloxía e dinámica poboacional por comarcas e destinar recursos técnicos e económicos para impulsar prácticas de manexo preventivo do gando que coexiste co lobo.
Na defensa da iniciativa, Rivas reprochou ao goberno facer “política de parches” que achacou á “incapacidade” dos responsables políticos que non saben como enfrontar o problema do xabaril, pero hai, dixo, “persoas expertas” que poderían facer importantes achegas se non fora que o goberno prefire rodearse de “cazadores” e centrar a solución nas batidas, a pesar de saber que non “son a única solución”. Rivas xustificou a urxencia da elaboración dun Plan para “poñer coto” á situación porque, na súa opinión, de non facelo, “a desesperación dos afectados pode levalos ao abandono parcial da súa actividade”.