O BNG pedirá a demisión de Feijóo no caso de ser nomeado presidente do PP

Ana Pontón considera que o presidente galego debe aclarar urxentemente o seu futuro porque a Xunta non é un "premio de consolación"

A incerteza que envolve o futuro próximo de Alberto Núñez Feijóo causa malestar entre os partidos da oposición. Dende o Bloque Nacionalista Galego, a mensaxe é clara: se o actual presidente da Xunta de Galicia presenta a súa candidatura para liderar o Partido Popular, deberá “dimitir” e “convocar eleccións”. Ana Pontón culpa ao mandatario galego de “esquecer” os intereses do país e lémbralle que “a Xunta non é un premio de consolación”.

Unha opinión semellante mantén En Marea, namentres o grupo socialista prefire ser cauteloso e o seu voceiro, Fernández Leiceaga, salienta que o presidente é elixido “polo Parlamento” e, en consecuencia, non habería motivos para unhas novas eleccións. Así e todo, o PP pecha filas en torno a Feijóo e considera que é unha decisión “persoal” do dirixente da Xunta.

O congreso do PP, a finais de Xullo

Este mesmo luns, o PP anunciou a data na que se celebrará o Congreso no que se elixirá ao novo ou nova dirixente do partido. Será os días 21 e 22 de xullo, e Núñez Feijóo deberá anunciar a súa candidatura nun prazo de quince días.