Este xoves 24 de maio cumpríronse tres anos da vitoria de Compostela Aberta nas eleccións municipais, e o grupo municipal do BNG quixo facer un balance deste período. O seu voceiro, Rubén Cela, recoñece os puntos nos que o Goberno de Noriega fixo un “bo traballo”, mais non ten unha “visión idílica” desta lexislatura.
Este Goberno foi un pésimo negociador
Cela considera que o Concello foi un “pésimo negociador” no tocante á algúns proxectos como a depuradora ou a Intermodal. Asemade, a concelleira Goretti Sanmartín apuntou que o grupo fixo sempre unha “oposición responsábel” e “construtiva”, primando sempre os “intereses da cidadanía” sobre os “propios” do partido.
O BNG bota en falta un maior “compromiso” de Compostela Aberta no tocante á execución orzamentaria e a “recuperación” de espazos culturais da cidade como a emblemática Sala Iago, cuxa reapertura propuxo a formación nacionalista.