A voceira do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, considera que os últimos datos de ocupación amosan unha clara “situación de emerxencia” para o país. Dende que Feijóo comezou gobernar no ano 2009, en Galicia hai 120.000 empregos menos, alén dun considerábel incremento dos contratos temporais e unha diminución na taxa de ocupación xuvenil.
Ana Pontón critica o “discurso triunfalista” do presidente galego e considera que, nos últimos anos, se están a consolidar o “paro”, a “precariedade” e a “fenda salarial” entre homes e mulleres.
Mobilizacións polo 1 de maio
En consecuencia, o BNG pide á cidadanía unha “mobilización masiva” nas concentracións que se celebrarán este martes por mor do Día das e dos Traballadores. Así e todo, Pontón valora tamén a posibilidade de convocar unha folga xeral en todo o país para protestar contra esta situación e pedir unha viraxe “nas políticas de emprego do PP”.