A formación nacionalista quere manter latente o seu “compromiso feminista” ante a “parálise” do Goberno de Feijóo ás políticas de igualdade. A deputada Noa Presas apunta que a crise económica afectou especialmente a “colectivos en situación de desigualdade” como as familias monoparentais, que supoñen o 10% dos fogares galegos, polo que a Xunta debera lexislar para combater un marco legal que considera “patriarcal”.
Medidas de apoio
En consecuencia, o BNG levará ao Parlamento dúas proposicións de lei sustentadas sobre dous eixos. A primeira delas fai referencia ao ámbito educativo, e ten como obxectivo superar os “obstáculos” que “impiden avanzar” ás mulleres. Asemade, a outra iniciativa vai encamiñada á conciliación das familias monoparentais, outorgándolles unha maior visibilidade.
Así e todo, o Bloque propón a creación dunha ampla rede de escolas infantís, para as crianzas de 0 a 3 anos, que ofrecerían “facilidades” ás familias monoparentais.