O concello de Lugo conta desde o pasado 15 de xuño cun novo goberno no que repiten a alcaldesa Lara Méndez e se incorpora o BNG. Desta última formación é o actual tenente alcalde, Rubén Arroxo. Lucense, formado como aparellador e adestrador de atletismo, conseguiu, logo de presentarse tamén en 2015, recuperar a participación municipal do nacionalismo na cidade das murallas.

Arroxo recibiu ás cámaras de Nós Televisión na propia casa do concello para analizar polo miúdo as primeiras actuacións que realizarán desde as áreas que ocuparán os nacionalistas, algunhas delas como parte do seu compromiso electoral.

O nacionalista sinala que a cidade hai anos que vota á esquerda e agradece o apoio da cidadanía para chegar a participar neste actual goberno de Lugo. O BNG ten claro o camiño a seguir nestes primeiros meses dentro das súas áreas: Infraestructuras e Movilidade, Cultura e Turismo, Educación e a área de Cidadanía.

Tamén hai palabras críticas para o goberno de Feijóo que, segundo Arroxo, “ten abandonada á cidade”. As promesas incumplidas do PP con Lugo e unha maior atención por parte do goberno galego ás súas necesidades entra na axenda de reivindicacións que pensa presentar nas súas primeiras reunións coa Xunta.

- Publicidade -