A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, compareceu en rolda de prensa para informar que a súa formación ten intención de priorizar o debate sobre as políticas contra a violencia de xénero no pleno desta semana. Entre as medidas que levará á Cámara galega está a creación dun Xulgado específico neste ámbito nas sete grandes cidades galegas.
A portavoz nacionalista anunciou que tamén no vindeiro pleno, o BNG solicitará ao goberno que acepte a emenda aos orzamentos do ano 2017 “para destinar o 1% a loitar contra a violencia de xénero e a políticas que favorezan a igualdade de maneira real” ao que sumou a incorporación dunha regulación do feminicidio e o Estado de protección das vítimas do feminicidio para garantir unha atención integral das mulleres que sofren esta violencia.