O BNG esixe a Feijóo que poña fin á súa “política forestal pirómana”

Pontón e 'Mini' consideran un "desprezo" a participación da Xunta na 'Comisión dos Lumes'

Logo de seis meses dunha comisión de estudo dos incendios de outubro na que compareceron máis de 60 persoas, o BNG considera que non se resolveu o problema de fondo, unha política forestal “pirómana” que deixa ao rural “abandonado” e “indefenso”. O grupo nacionalista presentará no Pleno unha batería de iniciativas para paliar esta situación.

- Publicidade -

As polémicas comparacións de Ánxeles Vázquez

A voceira parlamentaria, Ana Pontón, quixo tamén amosar a súa “sorpresa” por unhas declaracións recentes da conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, nas que aseguraba que trataba ás e os brigadistas coma se fosen os seus “propios fillos”. Para Pontón, a conselleira “non está á altura das circunstancias”.

Asemade, o deputado Xosé Luís Rivas ‘Mini’ considera que esta comisión evidenciou a “caótica xestión” de Feijóo, quen debera ter comparecido na mesma xunto co director xeral da CRTVG, Sánchez Izquierdo, polo “silenzo informativo” acontecido durante a vaga de lumes.

Pola súa banda, o PP si que valora as conclusións obtidas logo desta longa investigación. O seu líder no Parlamento, Pedro Puy, asegurou que a súa formación ten “vontade política” para escoitar as propostas do BNG e dos demais grupos da oposición.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego