
O Ministerio de Defensa español decidiu expulsar do exército ao veciño e activista de Redondela, Marcos Santos Soto, despois de que este condenase o fascismo na internet segundo denuncia o BNG de Redondela. Os nacionalistas explican que Santos Soto, que levaba máis de vinte anos nas Forzas Armadas, é activista da memoria histórica e presidente do Colectivo Republicano.
O estado español “amosa unha vez máis a súa faciana máis represora e autoritaria”
O veciño de Redondela condenou o fascismo nas súas redes sociais e asinou un comunicado antifranquista e, a partir de aí, comezaron unha serie de “represalias e ameazas” como a apertura dun expediente dentro do exército español que derivou na súa expulsión. “Un proceso de expulsión que se lle abre simplemente polo feito de ter asinado no seu día un manifesto antifranquista”, apuntan dende o BNG de Redondela que consideran que con esta “intolerable” decisión, o estado español “amosa unha vez máis a súa faciana máis represora e autoritaria”. Por esta razón, pídenlle a ministra de Defensa que recúe e “corrixa esta decisión”.