Para abandonar definitivamente o período de crise económica que comezou no ano 2008, é preciso mudar o “modelo produtivo” de Galiza. Esa é a mensaxe do BNG, que pide un urxente “cambio de rumbo” en materia de emprego. Ana Pontón, voceira do grupo, salienta que, dende a chegada de Núñez Feijóo á Xunta no 2009, o paro medrou en 25.500 persoas, e a ocupación caeu en 161.000 na franxa de idade de entre 16 e 34 anos.
Precisamos mudar o marco e, para iso, é necesario facer mudanzas
Apoio do BNG á xornada de mobilizacións da CIG
Como resposta ante esta situación, a CIG convocou para este martes 19 de xuño mobilizacións en diferentes cidades de todo o país para protestar contra a “precarización” e o “empobrecemento” da clase traballadora. O BNG fai un chamamento á sociedade galega a participar das mesmas.
O obxectivo principal desta convocatoria é a abolición “inmediata” da reforma laboral, así como conseguir “avances reais” en materia de igualdade. As mobilizacións comezarán ás 20.00 horas nas sete grandes cidades galegas, mais tamén se prevén concentracións noutras coma Vilagarcía, Monforte ou Burela.
Listaxe de mobilizacións
A Coruña: Praza de Vigo, 20h
Cee: Praza 8 de marzo 20h
Ferrol: Praza de España, 20h
Santiago: Praza Roxa, 20h
Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h
Vilagarcía: Casa do Mar, 20h
A Estrada: Praza do Mercado, 20h
Vigo: A Doblada, 20h
Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h
Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h
Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h
Monforte: Praza de España, 20h
As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h
A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h