O BNG aposta por “sumar” e insiste que é a “a casa común” do nacionalismo

A formación nacionalista conseguiu encher a Quintana logo do chamamento a “Sumar por Galiza”

O BNG celebrou este 25 de xullo, Día da Patria galega, cunha volta ás orixes a partir da lembranza do 50 aniversario da volta ás rúas reivindicando a nación. Baixo unha reprodución da faixa histórica co lema “Viva Galiza ceibe e socialista”, milleiros de persoas sairon da Alameda compostelá para percorrer as rúas da capital nun roteiro que podemos considerar a estas alturas como tradicional.

O chamamento da portavoz nacional do BNG a “desbordar Santiago” baixo o lema “Sumar por Galiza” causou o seu efecto e a formación nacionalista conseguiu reunir hoxe, segundo fontes da propia organización, a unhas vinte mil persoas que encheron ao remate do percorrido a praza da Quintana.

Na Quintana, ademais das intervencións musicais, agardaban os discursos en primeiro lugar de Alberte Fernández, secretario xeral de Galiza Nova, e de Ana Pontón, voceira nacional do BNG.

Pontón, que pechou o acto, conseguiu convencer desde o escenario cando falou de que o BNG representa un nacionalismo emancipador, forte, aberto e moderno que ten a intención de construír un futuro mellor para Galiza. Non esqueceu “tender a man” a aquelas persoas que queiran traballar na defensa do país e do pobo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego