A empresa Lacera, adxudicataria do servizo de conserxaría e pavillóns públicos de Compostela, tería comunicado o despedimento dun traballador e dúas traballadoras, segundo explicou este venres o voceiro do BNG na cidade, Rubén Cela. Asemade, advirte que hai “indicios” de que a xestora dos centros socioculturais, Ferrovial, tería en mente desprenderse de varios membros do seu cadro de persoal. Para Cela, este é un asunto “moi preocupante” que debe abordar o Concello.
Con todo, a alcaldesa en funcións, María Rozas, asegurou que o grupo de Goberno mantén un “contacto permanente” coas traballadoras e traballadores destes servizos, cuxas demandas atenderá “dun xeito inmediato” se se producen os despedimentos. Rozas lembra que, segundo os pregos, a subrogación do persoal nestes casos era “obrigatoria”
.
Música ao vivo
Por outra banda, o grupo municipal do Bloque amosou a súa preocupación pola aplicación da nova Lei de Espectáculos da Xunta, e pediu ao Concello que manteña un diálogo entre a veciñanza, as administracións e o sector hostaleiro para “atopar unha solución”. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, asegurou que este asunto xa está a ser “prioritario” para o Goberno local.