Ecoloxistas en Acción lanza un programa de actividades coincidindo coa chegada do seu veleiro, a ‘Diosa Maat’, contra a contaminación e a sobrepesca ás nosas costas. A primeira actividade terá lugar este xoves ás 19.00 horas no Centro Cívico de Montealto, onde se proxectará ‘Lourizán, paraíso roubado’ contando coa presenza do director do documental, Lukas Santiago, e co presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa.
O domingo ás 11.45 horas haberá un faladoiro que contará co socio fundador de ‘Mar de Fábula’, Xosé Manuel Barros, arredor do tema ‘A industria turística dos cruceiros e o seu impacto no medio mariño‘ na Casa Museo Casares Quiroga. Ao rematar, ás 13 horas, sairase dende a Autoridade Portuaria nun roteiro crítico arredor dos usos presentes e futuros da costa coruñesa.