A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos e Adega denuncian o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga, no concello coruñés de Teo, que se está procundindo “sen revisión nin tratamento” ningún. “Son milleiros de metros cúbicos de auga cara o exterior da lagoa e pendente abaixo, ocupando en parte as gabias da estrada que cruza a canteira”, denuncia a organización ecoloxista. A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos denuncia que, en caso de baleirar de todo a lagoa, o dano para a zona “será irrevocable”.
Dende ADEGA consideran que esta operación de baleirado é froita dunha estratexia de Toysal. Co baleirado, “a empresa, sen contar aínda con autorización para facelo” pode eliminar “posibles trabas administrativas coas que poder así acadar o obxectivo de realizar unha suposta operación de restauración ambiental co depósito de ata 10 millóns de metros cúbicos de residuos de construción e tecnosolos-lodos, que supón de feito o verdadeiro modelo de negocio da intervención”. A veciñanza e o movemento pola defensa da terra vincularon, dende os inicios, o proxecto da empresa Toysal cun “vertedoiro encuberto”.
Nesta liña, dende o BNG de Teo apuntan ao Real Decreto 975/2009 e ao RD 108/2008 como os responsables de permitir, en base á súa ambigüidade, o amparo de vertedoiros “vestidos de fraudulentas operacións de restauración ambiental de canteiras”.
Lonxe da restauración proposta por Toysal, ADEGA aposta por unha “rexeneración natural, conservando as lagoas e no posible mellorar as súas condicións coma espazo natural de interese e ocio, e prohibir o uso de residuos coma material externo pra acometer tarefas de recheo, aproveitándose os propios da canteira”.