Home Programas Área Compostela O asasinato que mantén intrigado ao barrio de San Pedro

O asasinato que mantén intrigado ao barrio de San Pedro

0
O asasinato que mantén intrigado ao barrio de San Pedro

A veciñanza de San Pedro denuncia en 2006 a desaparición de Emilio Bugallido Matalobos, veciño de Compostela, cuxo corpo sen vida aparece este ano 2018. Existen varias persoas sospeitosas de cometer o crime cuxas testemuñas, moi intrigantes, non deron aínda unha explicación sobre o acontecido.

Este misterio, propio dunha ficción de Agatha Christie, deberá resolvelo a cidadanía compostelá durante a I Semana da Novela Negra, unha proposta da libraría Pedreira para atraer ás lectoras e lectores á literatura de intriga.

Emilio Bugallido Matalobos desaparece en 2006; a veciñanza de San Pedro atopa este ano o seu corpo sen vida

A primeira persoa que descifre o misterio obterá un pack consistente nunha cea, un agasallo e unha cartilla con vales desconto nos locais participantes. Así e todo, haberá outras vinte cartillas para as demais acertantes. Este evento é froito da colaboración entre 19 establecementos comerciais do barrio de San Pedro, que converterán o seu lar nunha grande escena do crime.

Poderase participar entre o 6 e o 15 de abril, acadando as diferentes testemuñas nos comercios “cómplices” para logo cubrir un formulario na libraría Pedreira indicando o nome da persoa culpábel do pasamento de Emilio doce anos despois da súa desaparición.