O Arde Lvcvs 2020 loita por converter estas festas emblemáticas de Lugo en Festa de Interese Turístico Internacional. Nese camiño resulta imprescindible mostrar o alcance social desta celebración polo que o Concello decidíu anunciar xa as datas: o Arde Lvcvs 2020 celebrarase do 25 ao 28 de xuño.
A veciñanza, os colectivos sociais e os sectores produtivos, especialmente os servizos, poden xa darlle aos miolos e poñer a punto a maquinaria para traballar pola distinción que defenden dende o goberno local. A concelleira Ana González Abelleira avanzou que este ano seguirase a potenciar tanto novas actividades como a proxección internacional desta festa, xa que se están dando os pasos necesarios para que sexa distinguida como Festa de Interese Turístico Internacional.