O sistema ORA implántase no aparcamento da Pontepedriña co obxectivo de paliar a chegada de vehículos ao centro urbano de Santiago. Desde este aparcamento pódese acceder ás diferentes zonas da cidade ou ben a pé ou ben en autobús urbano.
O Concello de Santiago ten aprobada inicialmente a modificación da Ordenanza de regulación da ORA e está pendente de aprobar a ordenanza fiscal correspondente. Polo momento aplicarase a tarifa prevista para a zona ORA de longa duración, isto é, 1,05 euros de 10:00 a 14:00 horas, e a partir das 14:00 horas será de balde. Unha vez aprobada a ordenanza fiscal da ORA, a tarifa pasará a ser dun euro diario.
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, asegura que “é moi necesario garantir a rotación de vehículos” polo que aposta por este modelo de estacionamento para conseguir reducir o número de vehículos que circulan polo centro da cidade de Santiago.