O tradicional personaxe que por estas datas visita os fogares galegos está estes días en Compostela. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra presentou a ruada que percorrerá o casco histórico da cidade o venres 22 de decembro a partir das 18 horas e que comezará na Gentalha do Pichel para pasar pola rúa de San Roque, Algalia de Arriba, Praza de Cervantes, Preguntoiro, Praza de Feixoo, e finaliza na Praza de Cervantes con baile das nenas da Escola Infantil Semente.
Outras actividades
Ata o próximo día 30, o mítico carboeiro estará nunha trintena de centros socioculturais, tanto da zona urbana como do ámbito rural. Branca Novoneyra tamén explicou que como anticipo da celebración, en 2018, do Ano Europeo do Patrimonio, o concello organiza visitas a museos e varios roteiros pola cidade. A edil presentou tamén o chamado Paseo Scórpio, ao redor da figura do escritor Ricardo Carvalho Calero. As inscricións a estas actividades que son de balde poden facerse a través do correo electrónico: paseos.compostela@maos.gal.