O alumnado do Compañía de María protagoniza o Pleno municipal

Nenos e nenas de 3º de Primaria do colexio compostelán tomaron o mando este mércores no Salón de Plenos

O alumnado de 3º de Primaria do Colexio Compañía de María ocupou este mércores as butacas do Salón de Plenos municipal nunha sesión moito máis tranquila do habitual. A cativada amosou un grande interese polo funcionamento da coporación municipal e preguntou ao alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro socialista Gonzalo Muíños sobre cuestións coma os orzamentos ou a gobernación do Concello.

Martiño Noriega, escoltado por tres estudantes que emularon a figura do tenente de alcalde, escoitaba con atención a voz das novas xeracións da política compostelá. Neste Pleno infantil tratáronse asuntos de grande interese para as e os cativos coma a contaminación ou o consumo de tabaco. Con todo, non podía faltar a pregunta estrela: “Señor Noriega, por que decidiu vostede ser alcalde?”, ao que o actual rexedor respondeu que se trata dun proceso “semellante” á elección de delegados e delegadas nas aulas.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Unha vez finalizado o Pleno, as e os alumnos pediron fotos e autógrafos a Noriega, e regresaron á escola coa lembranza dunha inesquecíbel xornada na que elas e eles tomaron o poder en Compostela.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -