A xestión dos complexos deportivos de Fontes do Sar e Santa Isabel segue no punto de mira. Esta semana, o concelleiro do BNG Rubén Cela e o socialista Gonzalo Muíños anunciaron a súa dimisión do Consello de Administración de XADE, a empresa xestora, por discrepancias coa xestión do seu presidente, o propio alcalde de Santiago.
Noriega insinúa que hai intereses preelectorais
Pola súa banda, Martiño Noriega lamentou este venres as críticas “desproporcionadas” da oposición nun espazo que foi “de consenso” até o de agora.
O rexedor cre que as declaracións de Cela e Muíños débense a “motivos preelectorais”.
O PP non regularizou as contas da empresa… estaba demasiado ocupado coas súas imputacións
Así e todo, salienta a “amnesia permanente” e a “desvergoña” do PP, que tivo as contas de XADE sen regularizar dende o ano 2012 porque estaba “demasiado ocupado” coas “imputacións” dos anteriores alcaldes, Conde Roa e Currás.
Noriega defende que a sociedade funciona “moito mellor” dende a súa chegada e lembra que “sempre houbo lealdade” por parte das catro forzas políticas.