O Campus de Fútbol Vero Boquete é xa unha tradición na nosa cidade. A actividade realizada polo xogadora internacional compostelá e o seu equipo acolle este ano a máis dun cento de rapazas e rapaces de entre 4 e 18 anos nas instalacións municipais do Santa Isabel, As Cancelas e o Sergas, así como no Centro Xuvenil Don Bosco. Hoxe tiveron a visita institucional do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e da concelleira de Deporte, Noa Morales.
A xogadora compostelá sentiuse orgullosa de poder realizar esta actividade
Contar coa presenza de Vero Boquete é toda unha ledicia para as e os participantes neste Campus que levan moi dentro este deporte e coñecen a traxectoria da xogadora galega do París St. Germain. No Campus de Fútbol Vero Boquete as actividades están adaptadas a cada franxa de idade. Os máis pequenos, de 4 e 5 anos, realizan propostas relacionadas coa psicomotricidade e o predeporte; nos 6 e 7 anos practican fútbol sala; e dos 8 aos 18 céntranse xa no fútbol.