O noso patrimonio cultural esmorece. Non é nada novo mais voltou a ser actualidade coa pintada dunha das esculturas da Catedral de Santiago e a súa mediática difusión. De quen é a culpa? O tema abre varias frontes como a educación, a seguridade cidadá, a economía. Expertos e expertas independentes na cuestión coinciden en sinalar que o máximo órgano con responsabilidade nesta cuestión e ao que se lle debe esixir que actúe é a Xunta de Galicia.
Como acontece noutros eidos como o lingüístico, o patrimonial está a ser deixado en mans da cidadanía e de colectivos entusiastas mais con poucos medios e menos competencias legais. Este mes casos como o do Castro de Benquerencia (Barreiros) ou a Fonte da Gándara (Mondariz Balneario) fixeron saltar as alarmas pola falta de reacción institucional que deixan impune actos vandálicos premeditados ou non actúan diante de casos de extrema gravidade no noso territorio.
Sobre este tema falamos con Xabier Moure, divulgador e investigador do patrimonio ademais de impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares. “Día si e día tamén estamos a asistir a agresións a mámoas, petróglifos e castros e vemos que non pasa absolutamente nada, moitos catalogados co máximo grao de protección (BIC), como a catedral de Santiago”, sinala a Nós Televisión.
Como acontece tamén co noso patrimonio natural expertos e colectivos denuncian casos case a diario por toda a xeografía galega. Moure explica un deles. “Por poñer só un exemplo, recentemente comunicáronnos dende Patrimonio a imposición dunha sanción polo arrase dunha mámoa no polígono empresarial de Friol. Pois ben, a denuncia fixémola os do Colectivo Patrimonio dos Ancares hai un ano. Alguén das administracións levantou a voz?”
Leis de segunda
O patrimonio cultural é fonte de riqueza. Sábeno por toda Europa e nótase cando viaxamos e visitamos lugares que manteñen a súa historia a través dos restos físicos do seu pasado. Créanse postos de traballo ao redor deles e fomentan o asentamento en zonas afastadas dos grandes centros de poboación. Que acontece na Galiza?
Para Xabier Moure no nos país “hai leis de primeira e de segunda”. O investigador apunta que “a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016 é, evidentemente, de segunda”. Aínda así sinala que “si se aplicara o procedemento sancionador recollido nela evitaríanse en gran medida as desfeitas” e polo tanto o problema está en que “a Xunta non aplica a lei que ela mesmo fixo, a maioría dos Concellos, que están obrigados a coidar, protexer e divulgar o Patrimonio pasan totalmente”. Moure sentenza: “os votos pesan demasiado”.
A falta de investimento é outra das eivas que atopamos cando falamos de defender o noso patrimonio. “Na provincia de Lugo só hai dous arqueólogos” e “dende o ano 1993 só se creou unha praza de arqueólogo en toda Galicia”.
Patrimonio galego
A maior rede de catalogación pública témola no proxecto privado Patrimonio galego que logo de sete anos de traballo e a colaboración de ducias de persoas voluntarias conseguiu ter na actualidade máis 10.000 bens culturais catalogados no seu portal.
Patrimonio galego conta tamén cunha Lista Vermella que está formada por aqueles bens que corren un grave perigo, “xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”. A día de hoxe figuran nesa categoría 111 bens. Hai mosteiros como o do Bo Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia) fundado em 1520, pasando por pazos como de Cadro (Marín) do século XVI ou igrexias como a de Santa Baia de Chacín (Mazaricos) do século XVI ou edificacións como a Torre de Doncos (As Nogais) do século XIV.
Moure explica que hai moitos máis casos. “Cóntanse por centos, dende o patrimonio máis antigo (mámoas, petróglifos e castros) ata o patrimonio medieval (pontes, mosteiros e castelos). En non falemos do patrimonio etnográfico. Non esaxero nin un chisco se digo que o 95% patrimonio está en perigo. Levaríame horas enumeralo”.
Concienciar para conservar
Como noutros eidos ollamos cara as futuras xeracións co ánimo de que o futuro do noso patrimonio mellore. “A concienciación debera comezar nas aulas, pero tamén a nivel institucional, sobre todo municipal”, pensa Xabier Moure. Unha das certezas é que, neste como noutros casos, se non actuamos agora non quedará nada por conservar.
“En moitísimos casos, cando facemos algunha descuberta, os concellos, lonxe de alegrarse pola nova semella que lle pos enriba unha lousa”, conta o investigador, “desenganémonos, o Patrimonio non da votos”. E destas voltamos ao inicio, á responsabilidade que teñen os noso gobernantes. “En máis dunha ocasión temos escoitado de políticos que non se pode parar o futuro por unhas pedras que non valen para nada”, explica Moure, “outros non o din tan claro pero nada fan por protexelo”.