Home Programas Espazo Aberto O 41% das empresas galegas non comezaron coa industria 4.0

O 41% das empresas galegas non comezaron coa industria 4.0

0
O 41% das empresas galegas non comezaron coa industria 4.0

Un estudo presentado por ATIGA, a alianza dos seis centros tecnolóxicos de referencia en Galicia, indica que ás empresas galegas aínda lles falta para aproveitar as oportunidades da industria 4.0. O traballo, presentado na Cidade da Cultura, contou coa colaboración de 355 empresas de sectores moi variados que van da aeronáutica ao textil pasando polas enerxías renovables ou a agroalimentación.

Ana Paul, Directora de Innovación Tecnolóxica de CTAG e Coordinadora do Estudo, explicou na xornada “Oportunidades Industria 4.0 en Galicia” que as reticencias dalgunhas empresas a investir en tecnoloxías emerxentes como son materiais e fabricación intelixentes, conectividade e análise de datos e xestión de produción ten moito que ver co “temor a que non haxa retorno” desa inversión.

Moito por facer

Os resultados transversais do estudo evidencian que hai un potencial de mellora importante nos diferentes sectores. Destes o que máis investiu en industria 4.0 é o da automoción sobre todo en automatización e robótica, e o setor textil. Do outro lado está o sector naval que conta cun 45% de empresas que aínda non realizaron ningunha acción de implantación. Tamén o sector alimentario e bio ten o 53% das súas empresas na fase 2 de implantación de novas tecnoloxías.

As empresas falan

Na mesma xornada tiveron lugar dúas mesas redondas nas que varias empresas achegaron a súa experiencia no aproveitamento das novas tecnoloxías. Enrique Mandado, Director Industrial División Europa do Grupo Calvo, explicou que, no seu caso “as tecnoloxías máis relevantes son as que sincronizan a fabricación e as que controlan a cadea de valor dun produto natural” para logo “xestionar eses datos coas demandas dos clientes”.

Eduardo García, Director de I+D de CupaGroup, sinalou que un dos aspectos máis importantes para esta empresa que traballa a nivel internacional desde Galicia foi “o emprego da robótica para o movemento de materiais pesados”. Polo seu lado Juan Jesús Pardo, Director Técnico e de Negocio de Tecdesoft, apuntou que en todo caso “o cliente é quen marca o modelo” para sentenciar que “se non cambias non sobrevives”.