
Compostela dá un paso de xigante cara á inclusión social e a loita contra o “senfogarismo”. O Concello vén de presentar a súa proposta de xestión para o futuro Centro de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar, que se ubicará no edificio que actualmente ocupa o CIAC —Centro de Intepretación Ambiental de Compostela— de Belvís. O novo servizo contará con dous espazos diferenciados: un centro de día e unha residencia con once habitacións individuais, dúas dobres e outras dúas adaptadas para as persoas con mobilidade reducida, todas elas con baño propio.
As persoas que así o precisen poderán acceder a unha praza durante unha estadía máxima dun ano e medio. Deste xeito, Raxoi responde a unha das principais problemáticas da cidade no eido social. O proxecto está orzado nun millón de euros e, de cumprirse as previsións, abriría as súas portas ao longo do ano 2020.
Ofrecerase atención diaria para cubrir os servizos básicos e impartir cursos e obradoiros que favorezan a integración social
O Centro de Atención Diúrna ofrecerá os servizos básicos de duchas, aseos e comedor para arredor de 90 persoas cada día, en horario de 08.00 a 22.00 horas. Así e todo, contará cun “espazo de inclusión” no que se impartirán cursos formativos e obradoiros para contribuír á integración social de tódalas persoas, facendo especial fincapé na participación cidadá e a perspectiva de xénero. Este proxecto é o froito de case un ano de traballo colectivo entre diferentes organizacións coordinadas pola psiquiatra Lucía del Río.
Poderá acceder ao Centro calquera persoa que forme parte da clasificación ETHOS, é dicir, persoas sen teito, sen vivenda ou cunha vivenda en situación “irregular, insegura ou inadecuada”. Raxoi tenta converter este espazo nun lugar de “confort” e “intimidade”, que poida complementarse cos servizos prestados polo albergue de Xoán XXIII, os comedores sociais ou organizacións sen ánimo de lucro coma Cruz Vermella.