Descubrir as entrañas da Compostela modernista ou as características da sociedade burguesa que sentou as bases da cidade agora é posíbel grazas ó catálogo de roteiros culturais que ofrece o Concello tódolos martes, xoves e domingos até o remate do mes de marzo. O obxectivo destas rutas comentadas a través da cidade é pór en valor o “enorme” patrimonio cultural que ten Compostela, onde conflúen diversas tendencias artísticas dende a Idade Media.
O Concello ofrece roteiros a través da cidade e coloquios sobre memoria e historia nos centros socioculturais
Estas visitas guiadas son dirixidas polo historiador Eduardo Sánchez, quen pretende que a cidadanía coñeza a historia que hai detrás de cada recuncho da cidade a través dun “espazo de participación cidadá”. Así e todo, cada mércores se desenvolve un coloquio de memoria e historia nos centros socioculturais do Ensanche e As Fontiñas.
Aforo completo e listas de agarda
A inscrición para participar nos diferentes roteiros, que ofrecen un máximo de 20 prazas en cada quenda, pode facerse por vía telefónica, contactando con calquera dos centros socioculturais da cidade. Porén, as vindeiras datas teñen xa o aforo completo e hai incluso longas listas de agarda, polo que o Concello non descarta nun futuro ampliar a oferta actual.