Nós Televisión chega a toda Galicia a través da plataforma R

Damos o gran salto e a nosa sinal poderá verse por primeira vez en toda Galicia a partir do xoves 14 de marzo

Damos o salto a R a través da súa plataforma de contidos porque apostamos polo futuro, máis alá da televisión tradicional e para chegarmos a máis de 170.000 fogares en toda Galicia.

Desde os inicios de Nós Televisión, emitindo desde Lalín no 2013, pulamos por ir máis alá traballando as novas ferramentas de difusión de información que xurdiron con internet.
Queremos sumar para que a lingua galega, o noso compromiso co país, estea presente na plataforma de pago e internet lider no noso territorio. Adaptámonos aos novos xeitos de recibir a información da sociedade actual.

Chegou o momento de ir #máisAlá e agora se tes o pacote básico da plataforma de contidos galegas poderás sintonizarnos

Queremos medrar mantendo unha programación plural e independente que interrelacione e ofreza contidos de calidade seguindo a actualidade que non contan outras cadeas. Apostamos polo xornalismo cidadán, pola creatividade, por botar abaixo os balados da censura e contamos para iso cunha extensa rede de colaboracións por todo o país.

A partir deste vindeiro xoves, 14 de marzo, poderedes ver en Nós Televisión contidos variados froito de acordos con entidades, institucións e empresas como a Editorial Galaxia ou a Real Academia Galega. Música, documentais, cultura e música do país. E cun espazo informativo diario de produción propia.

Estaremos ao voso dispor no Dial 119 en Alta Definición (HD), partillando espazo a carón das televisións de ámbito estatal, poñendo na axenda mediática as temáticas medioambientais, feministas e sociais.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego