Xornada de mobilizacións en Galicia por parte do sector do taxi. Malia a disposición de Fomento a aceptar as demandas do colectivo, a folga continuou hoxe a expensas do acordo que o ministro Ábalos asine coa patronal das VTC. Así e todo, a proposta do Goberno central de ceder as competencias ás comunidades autónomas non convence ás e os taxistas galegos: “Están a botar balóns fóra”, apunta Jesús García, presidente de RadioTaxi Compostela.
A folga do taxi está a recibir numerosas críticas por parte dalgúns sectores da política e a sociedade civil, considerando que o colectivo non ten motivos para mobilizarse. Porén, Jesús García tenta desmentir as acusacións facendo fincapé no caso da cidade estadounidense de San Francisco, onde o taxi “perdeu a guerra” e agora “o transporte é moito máis caro”. Asemade, nega que o sector goce dunha situación de monopolio no Estado español.
Somos autónomos e tributamos aquí
Alén diso, García lembrou que as mobilizacións están a ser “pacíficas” en todo o país, e fixo un chamamento a rexeitar calquera acto violento. Dende o colectivo inciden na necesidade de visibilizar a súa causa ante a cidadanía, xa que os taxistas son “autónomos que tributan aquí”, e non “grandes empresas” que o fan no estranxeiro: “Uber tributa en Holanda e Cabify no ‘paraíso fiscal’ de Delaware”, expuxo o presidente de RadioTaxi Compostela.
O taxi perdeu a guerra en San Francisco e agora o transporte é máis caro alí
Resposta da Xunta
Pola súa banda, a Xunta de Galicia, en palabras da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, empraza ao Goberno central a impulsar unha “lexislación clara” neste sector. Vázquez fixo alusión a unha das principais queixas das e dos taxistas, a Lei Ómnibus aprobada en 2009 pola executiva de Rodríguez Zapatero, que tería provocado un “baleiro legal” na concesión de licenzas VTC.